Les liaisons dangereuses

17 de Maio de 2012

ACTUALIZACIÓN 18/05/12 ás 14:36. Esquerda Unida de Vigo, a través do seu portavoz Rubén Pérez, desmente a Galicia Bilingüe e afirma que ninguén acudiu ao acto en representación desa forza política. Eis o tweet:

CORRECCIÓN. A revista “Nosotros” (parodia de “Nós”?) foi presentada en dúas versións: unha só en español -que é a analisada no post- e outra ao 50% entre español e galego.

*  *  *  *  *

Unha semana antes da celebración das Letras Galegas, o grupúsculo Galicia Bilingüe presentou a súa revista “Vosotros” (título bilingüe donde los hayga), que o xornal ultradereitista e ultranacionalista español La Voz Libre presenta como vehículo da “cultura plural”.

Vexamos o alcance do reflexo da proclamada pluralidade neste número fundacional -e por tanto, programático- da revista:

  1. Das 48 páxinas, só unha está en galego. Trátase do editorial de apertura -asinado por Gloria Lago, nunha insólita innovación no mundo da comunicación- que na páxina anterior aparece en español, no único exemplo de bilingüismo de toda a revista.
  2. Todos os artigos, crónicas e entrevistas (unha ducia exacta, no total) e as pezas breves (outra media ducia, que compoñen as dúas seccións finais), sen a menor excepción, utilizan o español como única lingua de expresión.
  3. O inefable Andrés Freire fai un exercicio de erudición (pp. 16-17) cheo de falacias históricas e lingüísticas cuxa enumeración sería demasiado enfastiante.
  4. Gloria Lago, nun xesto tan provocador como pueril, escribe unha columna intitulada “Buenos y generosos” (p. 40-41).
  5. A deturpación toponímica é constante tanto nas colaboracións externas como nas producións da redacción, que usa e reitera a forma Puebla del Caramiñal (pp. 28 e 29).
  6. O concello da Pobra do Caramiñal insere publicidade en español, mentres o de Ribeira se autonomea de Riveira (ambos, na p.33). É de supoñer que a achega publicitaria de ambos concellos sexa a base de sustentación financieira da publicación, xa que só hai outros 3 anuncios, todos eles na contraportada e correspondentes a pequenos comercios (unha adega e unha casa rural) ou entidades (a asociación de produtores de troitas).

Despois de visto o contido da publicación e a noción de bilingüismo que nela se defende (2,1% de presenza do galego), e de ser certas as informacións fornecidas polo xornal La Voz Libre, segundo as cales aos xa costumeiros apoios procedentes do PP e de UPyD se sumaron desta volta representantes do PSdeG e de EU, estas dúas últimas forzas políticas deben dar unha explicación sobre os motivos que as levaron a participar e, se for o caso, un compromiso de non voltar a facelo no futuro. Do contrario, as súas posturas en defensa da lingua galega e do autogoberno do país poderán perder moita credibilidade; e iso non só sería pésimo para o PSdeG e EU, senón tamén dramático para o país, máis necesitado que nunca de ferramentas que o defendan das agresións dunha dereita feroz e voraz cuxo apetito só se sacia engolindo os nosos dereitos e liberdades, tamén no atinente á lingua.

Publicado na categoría Lingua, Política | Enriba | Comentarios desactivados en Les liaisons dangereuses

Folla-de-ruta para a amnistía fiscal

30 de Marzo de 2012

 

Xa que Mariano Rajoy e a súa troupe acaban de anunciar unha amnistía fiscal, e para que non se produzan situacións discriminatorias, propoño que o proceso estexa sometido ás seguintes condicións:

    1. Declaración pública de renuncia aos métodos delitivos usados no pasado.
    2. Aceptación do proceso de verificación que sexa determinado polo goberno español.
    3. Petición de perdón ás vítimas ou, no seu defecto, contricción dos pecados e cumprimento da penitencia que indique o confesor do Opus Dei.
    4. Entrega incondicional dos libros de contabilidade en B e de todos os maletíns utilizados nas operacións fraudulentas.
    5. Achegamento dos presos -se os houber- por delitos económicos á cadea máis próxima ao paraíso fiscal da súa escolla.
    6. Ilegalización dos partidos que defendan un modelo fiscal diferente ao consensuado entre a dereita hipócrita e a esquerda vergonzante.
    7. Concesión de subvencións ás empresas que completen a súa reinserción.

Publicado na categoría Economía | Enriba | Comentarios desactivados en Folla-de-ruta para a amnistía fiscal

[Resultados da enquisa] Feijoo mantería a maioría, mais con dúbidas. O NPC entraría con forza ás custas de PSdeG e BNG

23 de Marzo de 2012

Esta non é unha enquisa científica, senón unicamente un xeito de pulsar a opinión do público lector do blog. Con todo, se me permitides unha valoración persoal, creo que pode non ir moi desencamiñada.

*  *  *  *  *

Segundo as vosas respostas, o resultado das Eleccións Galegas a día de hoxe daría lugar a unha nova maioría do PP, con 40 escanos, e a un Parlamento con 3 forzas de esquerdas: o NPC, que irrompería con forza ao lograr 6 escanos; o BNG, que mantería 8 da ducia que hoxe ten; e o PSdeG, que ficaría nos 21. Tanto o PSdeG como o BNG perderían un escano en cada provincia, principalmente en beneficio do NPC.

Con todo, unha análise máis minuciosa das vosas respostas indica que en todas as provincias o PP pode perder un dos escanos que agora se lle asignan, o que significa que estaría nunha faixa de entre 36 e 40 cadeiras. Na Coruña, é o NPC quen semella en mellor disposición de arrebatarlle unha acta ao PP, mentres que nas demais provincias ese papel corresponde ao PSdeG. O BNG, pola súa parte, ten os resultados máis claramente definidos das catro forzas políticas con posibilidades de obteren representación, segundo a enquisa.

PP
Mantería os resultados do 2008 e podería gañar un escano pola Coruña (o que aumenta a circunscrición) e outro por Ourense. Tanto nesta última provincia como en Lugo e Pontevedra, a loita entre PP e PSdeG pode resultar decisiva para inclinar a maioría parlamentar dun ou doutro lado.

PSdeG

Perdería un escano por provincia, aínda que en Lugo, Ourense e Pontevedra podería manter os resultados, sempre ás custas do PP.

 BNG

Igual que o PSdeG, podería perder un escano por provincia. Semella difícil tanto que esa situación non se produza, debido ás recentes escisións, como que teña unha dimensión maior.

NPC

Obtén 6 escanos e podería lograr o sétimo pola Coruña, roubándollo ao PP. Ten en Lugo a súa circunscrición máis débil, até o punto de que non é seguro o escano que agora se lle asigna. Como é lóxico, o NPC presenta a maior variabilidade nas previsións e só o seu asentamento nos vindeiros meses poderá axudar a precisar máis as súas reais expectativas.

EU

Ficaría fóra do Parlamento, aínda que entre un 20% e un 30% das respostas danlle posibilidades de acceder a algún escano polas provincias atlánticas.

Podedes consultar os datos en bruto aquí, incluídas as respostas anuladas por non atender ás instrucións; e nesta outra ligazón tedes a táboa de respostas válidas, moi recomendable para entender as tendencias que poden marcar o signo das eleccións.

1ª enquisa Eleccións Galegas 2012: tabulación de datos (só respostas válidas)

Publicado na categoría Política | Enriba | 693 comentarios »

A cobertura da escisión do BNG en Praza Pública ou datos son amores

18 de Marzo de 2012

Diante da campaña de intoxicación e verdadeiro trolling que está a sofrer Praza Pública nos comentarios inseridos no propio xornal e en diferentes redes sociais, moi nomeadamente por conta dunha suposta postura para promover a división do nacionalismo (sic –aínda que máis ben habería que dicir sick), púxenme a recompilar todo o que foi publicado sobre as convulsións no seo do BNG desde a apertura de Praza até hoxe mesmo.

Os datos son demoledores: tanto nas entrevistas como nas informacións, Praza Pública deu máis voz ao BNG que aos escindidos. Unha actitude comprensible, por outra parte, xa que o BNG é unha organización cun importante peso institucional, mentres que os grupos escindidos aínda carecen desa unidade orgánica e de presenza institucional equiparable; e porque o BNG posúe mecanismos de comunicación pública (gabinetes, responsables sectoriais) que non posúen os recén saídos.

Máis datos abrumadores: 0 primicias sobre baixas e manifestos (renunciamos conscientemente a eses pelotazos de audiencia, mesmo téndomos os datos antes que os demais medios), 0 novas sobre conflitos internos, 0 entrevistas aos escindidos de +G, 5-1 a favor da postura do BNG no conflito de Teo… Por favor, dádelle unha atenta ollada ao que segue, porque creo que se explica só.

*  *  *  *  *

RESUMO

Entrevistas: 7.

Novas sobre o conflito de Teo: 7.

Novas sobre abandonos de colectivos: 6 (das cales, 0 repetidas).

Novas sobre a “pingueira de baixas”: 2.

Novas sobre enfrontamentos internos nas asembleas comarcais e locais: 0.

Novas sobre acordos internos nas asembleas comarcais e locais: 1.

Novas sobre os manifestos cruzados antes do Congreso de +G: 1. Publicada con motivo do manifesto pola permanencia no BNG asinado por un grupo de militantes de +G, a pesar de que xa antes fora publicado outro chamando á saída de +G e apoiado pola maioría da dirección desa corrente. 

Novas sobre outros colectivos políticos implicados: 4 (EcoGaleguistas 3, Causa Galiza 1). 

* * * * *

TODAS AS NOVAS

FEBREIRO

Mércores, 1 (nace Praza Pública)

Venres, 3

Luns, 6

Martes, 7

Mércores, 8

Venres, 10

Sábado, 11

Domingo, 12

Luns, 13

Martes, 14

Mércores, 15

Xoves, 16

Venres, 17

Luns, 20

Martes, 21

Mércores, 22

Xoves, 23

Venres, 24

Domingo, 26

MARZO

Venres, 2

Domingo, 4

Luns, 5

Mércores, 7

Venres, 9

Sábado, 10

Domingo, 11

Martes, 13

Xoves, 15

Venres, 16

Sábado, 17

Publicado na categoría Comunicación, Política | Enriba | 1.017 comentarios »

A hora da verdade

28 de Xaneiro de 2012

Nos últimos 15 anos, o BNG desperdiciou tres ocasións de ouro para facer autocrítica e renovarse, algo que debería ser inherente a unha forza política de esquerdas. Foron tres as crises que propiciaron esas oportunidades, finalmente derramadas: a primeira, a crise de crecemento que a sociedade galega lle formula entre os anos 1997 e 1999, cuxa insatisfactoria resolución se saldou coa perda das alcaldías urbanas e do liderado para acceder ao Goberno galego como forza hexemónica; a segunda, no ano 2005, cando a sangría da perda de apoios era xa evidente, resolvida cunha fuxida cara adiante centrada exclusivamente nunha acción de goberno que -dada a traxectoria opositora do BNG e a correlación de forzas no bipartito- non podería axudar a superar a fractura con boa parte da base social do BNG; a terceira e última, a perda dese poder institucional nas eleccións do ano 2009, ocasión na cal tampouco se afrontou máis autocrítica que a baseada en consignas dunha ou doutra facción interna.

O certo é que ningún dos grupos que agora se propoñen como solución aos males do BNG impulsou ese proceso de autocrítica sincera, aínda que ao mesmo tempo é innegable que non todos posúen o mesmo grao de responsabilidade: debido ao seu carácter de forza dominante dentro do BNG, o quiñón máis importante correspóndelle sen dúbida á UPG, que tras a perda do poder na Xunta decidiu asumir ese liderado interno sen ambaxes, rachando unha tradición pactista de case 30 anos. É precisamente o exercicio dese monopolio do poder por parte da UPG (no aparato, nas listas electorais, no discurso, na relación coas organizacións sociais…) que explica a entente in extremis entre +Galiza e o Encontro Irmandiño, moi a pesar das súas evidentes diferenzas na concepción da política institucional, do peso dos movementos sociais e das fórmulas organizativas máis acaídas na actual conxuntura.

Chegamos, así, a esta XIII Asemblea Nacional caracterizada como un teatro de operacións para o choque frontal entre dúas candidaturas aparentemente inconciliables. E nisto radica a grande novidade do proceso que o BNG desenvolverá ao longo do presente fin-de-semana: a marxe para o acordo é mínima, tanto pola dinámica política dos últimos anos como polos intereses dos colectivos en desputa como polo propio procedemento definido para as eleccións por parte da militancia. A única posibilidade de pacto radica na retirada da candidatura ora de Francisco Jorquera, ora de Carlos Aymerich, xa que a votación do Consello Nacional e de Portavoz Nacional serán realizadas de maneira conxunta: dando por sentado que +Galiza e os seus socios do Encontro Irmandiño non cometerán o dislate de retirarse da batalla, despois de anos en que as súas respectivas bases lles levan pedindo unha batalla final, só unha sorpredente manobra da UPG -que nunca antes mostrara as súas cartas coa antelación e determinación con que o fixo desta volta- podería propiciar un escenario final de negociación.

A estas alturas, só é posible ter unha certeza: sexa cal for o resultado das votacións que o domingo á tarde definirán quen son os vencedores e quen os vencidos, o proceso decisivo comezará ao día seguinte. En caso de vitoria da candidatura renovadora, Beiras e Aymerich deberán definir e liderar unha nova estratexia que só un outonal refrendo nas urnas poderá axudar a consolidar internamente, ao tempo que terán que negociar coa UPG o seu novo papel, so risco de sofreren unha oposición destrutiva que inviabilice a proxección exterior dese novo BNG que pretenden encarnar. Se, polo contrario, se impón a candidatura continuista liderada por Guillerme e Jorquera, daquela os perdedores deberán decidir de vez cal é o papel que pretenden xogar na política galega, e é ben posible que tanto colectivos organizados como agrupacións territoriais e un bo número de afiliados a título individual decidan que o mellor lugar para desenvolver o seu proxecto non é un BNG monocolor baixo a batuta da UPG.

Haberá que ver se as circunstancias nas cales se chega a esta Asemblea, en pleno ano electoral e coa ameaza patente de ruptura, condicionan o resultado das decisións que adopte a afiliación do BNG. Nunca un conclave nacionalista atinxiu a relevancia e a carga dramática deste que vén de comezar en Amio, cunha previsión de participación que bate largamente todas as marcas anteriores. Chegou a hora da verdade: cada vez hai máis país que ignora o BNG e tenta outros camiños, e a única posibilidade -non máis que iso- de reverter ese proceso pasa pola adopción de decisións valentes e á altura dos tempos. Xa falta menos para despexarmos moitas das dúbidas que hai anos veñen pairando no ambiente, e iso só pode ser cualificado como unha novidade saudable.

*  *  *  *  *

Se desexas expresar as túas preferencias e facer o teu prognóstico, participa n’ A quiniela do BNG.

Publicado na categoría Política | Enriba | 1.405 comentarios »

Tres enquisas sobre a Asemblea Nacional do BNG (28 e 29 de xaneiro)

22 de Xaneiro de 2012

Como sempre, as opcións preséntanse por orde alfabética e acéptase 1 só voto por IP.

Enquisa nº 1 – Favoritos para a Portavocía Nacional

Enquisa nº 2 – Favoritos para a candidatura á Presidencia da Xunta

Enquisa 3 – Preferencias persoais

Publicado na categoría Política | Enriba | 1.608 comentarios »

Tres enquisas sobre a Asemblea Nacional do BNG

22 de Xaneiro de 2012

Como sempre, as opcións preséntanse por orde alfabética e acéptase 1 só voto por IP.

Enquisa nº 1 – Favoritos para a Portavocía Nacional

Click Here for Poll

Enquisa nº 2 – Favoritos para a candidatura á Presidencia da Xunta

Click Here for Poll

Enquisa 3 – Preferencias persoais

Click Here for Poll

Publicado na categoría Política | Enriba | 2.701 comentarios »

Feliz Ano Novo 1939!

31 de Decembro de 2011

Tras coñecer, grazas ao blog de Gabriel Bibiloni (lectura imprescindible!), os plans do Goberno das Illas Baleares para promover unha verdadeira desfeita contra o status da lingua catalá nese territorio, mediante unha reforma da lei de normalización lingüística; e unha vez constatado o evidente paralelismo da política lingüística levada a cabo polo PP naquela comunidade e mais na nosa terra, puxen mans á obra para ver como ficaría a nosa LNL tras as rebaixas que Alberto Núñez Feijoo e a súa troupe -con Anxo Lorenzo á cabeza- levarán a cabo, máis día menos día.

Probablemente, dada a proximidade das Eleccións Galegas, o PP opte por deixar este asunto na recámara até que pase a cita coas urnas. Porén, a filosofía da reforma está xa perfectamente rascuñada no anteproxecto do PP balear. Facendo a correspondente traslación, este é o panorama previsible no noso país:

 

*  *  *  *  *

Nas seguintes liñas, detállase como ficaría aproximadamente a reforma da actual Lei de Normalización Lingüística, aprobada polo Parlamento Galego en 1983 e promulgada por un goberno de Alianza Popular. O resultado pode ter moito máis de antecipación que de ficción, moi ao meu pesar. As partes riscadas indican eliminación de preceptos da actual LNL; as indicadas en azul, pola súa vez, sinalan as modificacións e engadidos.

ANTEPROXECTO DE REFORMA DA

LEI 3/1983, DO 15 DE XUÑO, DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

(D.O.G. núm. 84, do 14 de xullo de 1983)

O proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anula-la posibilidade de constituír institucións propias e impedi-lo desenvolvemento da nosa cultura xenuína cando a imprenta ía promove-lo grande despegue das culturas modernas.

Sometido a esta despersonalización política e a esta marxinación cultural, o pobo galego padeceu unha progresiva depauperación interna que xa no século XVIII foi denunciada polos ilustrados e que desde mediados do XIX, foi constantemente combatida por tódolos galegos conscientes da necesidade de evita-la desintegración da nosa personalidade.

A Constitución de 1978, ó recoñece-los nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo constructivo encamiñado á plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora.

Un dos factores fundamentais desa recuperación é a lingua, por se-lo núcleo vital da nosa identidade.

A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común. E na Galicia do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo.

A presente Lei, de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e asegura a normalización do galego como lingua propia do noso pobo.

Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13°, 2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu

Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

Título I

DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS EN GALICIA

Artigo 1

O galego é a lingua propia de Galicia. Tódolos galegos teñen o dereito de usalo.

Artigo 2

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma, no ámbito oficial e administrativo, tomando as medidas necesarias para asegurar o seu coñecemento e creando as condicións que permitan chegar á igualdade plena das dúas linguas no que respecta aos dereitos dos cidadáns de Galicia.

Artigo 3

Os poderes públicos de Galicia adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón de lingua. Os cidadáns poderán dirixirse ós xuíces e tribunais para obte-la protección xudicial do dereito a emprega-la súa lingua.

Título II

DO USO OFICIAL DO GALEGO

Artigo 4

1. O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial ten, xunto co castelán, o carácter de lingua oficial e, polo tanto, ámbalas dúas serán linguas das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma.

2. Tamén o é o castelán como lingua oficial do estado. As institucións da Comunitade Autónoma poden empregar o galego e o castelán, indistintamente, nas súas actuacións internas e na relación entre elas. Tamén as poden empregar indistintamente nas comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas ou xurídicas, sen prexuízo do dereito das persoas interesadas a recibiren resposta na lingua cooficial utilizada ou na que soliciten, ben como a presentar escritos e documentos e a facer manifestacións na lingua cooficial que desexen.

Artigo 5

As leis de Galicia, os decretos lexislativos, as disposicións normativas e as resolucións oficiais da Administración Pública galega publicaranse en galego e castelán no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6

1. Os cidadáns teñen dereito ó uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

 2. As actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada.

3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.

4. A Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta Lei.

Artigo 7

1. No ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza.

2. As actuacións xudiciais en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada. En todo caso, a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa.

3. A Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do o uso do galego na Administración de Xustiza.

Artigo 8

Os documentos públicos outorgados en Galicia poderanse redactar en galego ou castelán. De non haber acordo entre as partes, empregaranse ámbalas dúas linguas.

Artigo 9

1. Nos Rexistros Públicos dependentes da Administración Autonómica, os asentamentos faranse na lingua oficial en que estea redactado o documento ou se faga a manifestación. Se o documento é bilingüe, inscribirase na lingua que indique quen o presenta no Rexistro. Nos Rexistros Públicos non dependentes da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos competentes, o uso normal do galego.

2. As certificacións literais expediranse na lingua na que se efectuase a inscrición reproducida. Cando non sexa transcrición literal do asentamento, empregarase a lingua oficial interesada polo solicitante.

3. No caso de documentos inscritos en dobre versión lingüística pódense obter certificacións en calquera das versións, a vontade do solicitante.

Artigo 10

1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega ou a galega e a castelá conxuntamente.

2. Corresponde á Xunta de Galicia, co acordo previo do pleno do concello correspondente, a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.

3. Estas denominacións son as legais a tódolos efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en tódolos casos as normas internacionais que subscriba o estado.

Artigo 11

1. Co fin de facer efectivos os dereitos recoñecidos no presente Título, os poderes autonómicos promoverán a progresiva capacitación no as medidas correspondentes para fomentar e incentivar o uso do galego do persoal afecto á Administración Pública e ás empresas de carácter público en Galicia.

2. Nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración Autónoma e Local considerarase, entre outros méritos, o grao de coñecemento das linguas oficiais, que se ponderará para cada nivel profesional.

3. Na resolución dos concursos e oposicións para prove-los postos de Maxistrados, Xuíces, Secretarios Xudiciais, Fiscais e tódolos funcionarios ó servicio da Administración de Xustiza, así coma Notarios, Rexistradores da Propiedade e Mercantís, será mérito preferente o coñecemento do idioma galego.

Título III

DO USO DO GALEGO NO ENSINO

Artigo 12

1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.

2. A Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino, de acordo coas disposicións da presente Lei.

Artigo 13

1. Os nenos teñen dereito a recibi-lo primeiro ensino na súa lingua materna. O Goberno Galego arbitrará as medidas necesarias para facer efectivo este dereito.

2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.

3. Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razóns da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellaren, a separación en aulas diferentes.

Artigo 14

1. A lingua galega é materia de estudio obrigatorio en tódolos niveis educativos non universitarios. Garantirase o uso efectivo deste dereito en tódolos centros públicos e privados.

2. O Goberno Galego regulará as circunstancias excepcionais en que un alumno pode ser dispensado do estudio obrigatorio da lingua galega. Ningún alumno poderá ser dispensado desta obriga se tivera cursado sen interrupción os seus estudios en Galicia.

3. As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Artigo 15

1. Os profesores e os alumnos no nivel universitario teñen o dereito a empregar, oralmente e por escrito, a lingua oficial da súa preferencia.

2. O Goberno Galego e as autoridades universitarias arbitrarán as medidas oportunas para facer normal o uso do galego no ensino universitario.

3. As autoridades educativas adoptarán as medidas oportunas co fin de que a lingua non constitúa obstáculo para facer efectivo o dereito que teñen os alumnos a recibir coñecementos.

Artigo 16

1. Nos cursos especiais de educación de adultos e nos cursos de ensino especializado nos que se ensine a disciplina de lingua, é preceptivo o ensino do galego. Nos centros de ensino especializado dependentes da Xunta de Galicia establecerase o ensino da lingua galega nos casos en que o seu estudio non teña carácter obrigatorio.

2. Nos centros de educación especial para alumnos con deficiencias físicas ou mentais para a aprendizaxe, empregarase como lingua instrumental aquela que, tendo en conta as circunstancias familiares e sociais de cada alumno, mellor contribúa ó seu desenvolvemento.

Artigo 17

1. Nas Escolas Universitarias e demais centros de Formación do Profesorado será obrigatorio o estudio da lingua galega. Os alumnos destes centros deberán adquiri-la capacitación necesaria para facer efectivos os dereitos que se amparan na presente Lei.

2. As autoridades educativas promoverán o coñecemento do galego por parte dos profesores dos niveis non incluídos no parágrafo anterior, co fin de garanti-la progresiva normalización do uso da lingua galega no ensino.

Título IV

O USO DO GALEGO NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Artigo 18

O galego será a lingua usual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma.

Artigo 19

O Goberno Galego prestará apoio económico e material ós medios de comunicación non incluídos no artigo anterior que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

Artigo 20

Serán obrigas da Xunta de Galicia:

1. Fomenta-la producción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega.

2. Estimula-las manifestacións culturais, representacións teatrais e os espectáculos feitos en lingua galega.

3. Contribuír ó fomento do libro en galego, con medidas que potencien a producción editorial e a súa difusión.

Título V

DO GALEGO EXTERIOR

Artigo 21

1. O Goberno Galego fará uso dos recursos que lle confiren a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía para que os emigrantes galegos poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

2. Así mesmo fará uso do previsto no artigo 35 do Estatuto de Autonomía co fin de protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma.

Título VI

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA E A FUNCIÓN NORMALIZADORA

Artigo 22

O Goberno Galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará á Administración e ós particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos da presente Lei.

Artigo 23

1. O Goberno Galego establecerá un plan destinado a resalta-la importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a poñer de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión.

2. O Goberno Galego adoptará as medidas pertinentes e proveerá os medios necesarios para o coñecemento da lingua galega e facilitarán o uso indistinto das dúas linguas cooficiais en todos os ámbitos e activitades da vida social.

3. O Goberno Galego promoverá a realización de cursos destinados a favorecer o coñecemento da lingua galega entre o seu persoal e o das empresas dependentes del, coa finalidade de garantir a capacitación para atender a cidadanía en calquera das dúas linguas cooficiais e para poder empregalas adecuadamente na actuación administrativa.

Artigo 24

1. A Escola Galega de Administración Pública encargarase da formación dos funcionarios co fin de que poidan usa-lo galego nos termos establecidos pola presente Lei.

2. O dominio das linguas galega e castelá será condición necesaria para obte-lo diploma da Escola Galega da Administración Pública.

Artigo 25

O Goberno Galego e as Corporacións Locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras. Con esta finalidade e por actos singulares, poderanse outorgar reduccións ou exencións das obrigas fiscais.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

Nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega. Esta normativa será revisada en función do proceso de normalización do uso do galego.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

  1. O coñecemento da lingua galega non será, de maneira xeral, un requisito para acceder á condición de empregado público das administracións públicas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia ni para ocupar postos de traballo nelas. O mesmo principio aplicarase ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, ben como para acceder ou ocupar postos nas entidades dependentes das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Exceptúanse do establecido no apartado anterior os seguintes supostos:

a) Para acceder e ocupar postos na función pública docente, que se rexerá pola súa normativa reglamentaria específica.

b) Para acceder e ocupar postos da especialidade de asesoramento lingüístico, da cal a convocatoria e o instrumento de ordenación de postos de traballo esixirá como requisito o nivel C2 de coñecemento da lingua galega, ou título ou certificación equivalente.

c) Para ocupar todos os postos que teñan como función principal a información e o atendemento ao público, da cal o instrumento de ordenación de postos de traballo esixirá como como requisito o nivel B2 de coñecemento da lingua galega, ou título ou certificación equivalente.

d) Para ocupar os postos nos cales, en atención ás características especiais das súas funcións, se motive que é imprescindible esixir o coñecemento dun determinado nivel de galego, o cal se fará constar na relación de postos de traballo.

3. A acreditación dos diferentes niveis de coñecemento da lingua galega será mérito de consideración necesaria, de acordo co barema que se estableza nas bases do proceso selectivo, en todos os procedementos de selección dos corpos, escalas ou especialidades -ou categorías profesionais-, agás para acceder aos postos nos cales se esixa un nivel de galego como requisito, caso no cal será considerado mérito a acreditación de niveis superiores ao esixido. Se o procedemento de selección é por sistema de oposición, este mérito considerarase unicamente ao efecto de determinar a orde de prelación final dos aspirantes aprobados para a adxudicación dos postos de traballo, de acordo co previsto na presente Lei.

4. Igualmente, a acreditación dos diferentes niveis de coñecemento de lingua galega será mérito de consideración necesaria, de acordo co barema que se estableza nas bases da convocatoria, en todas as ofertas de emprego público para todos aqueles postos nos cales non sexa requisito. Tamén será considerado mérito a acreditación de niveis superiores ao esixido como requisito para o posto.

DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA

As administracións públicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades delas dependentes deben poñer os medios necesarios para poder garantir a atención á cidadanía na lingua cooficial de Galicia que solicite.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA

Os procedementos de acceso, de selección de persoal interino ou laboral temporal, de provisión ou de ocupación de prazas que foran iniciados antes da entrada en vigor desta Lei continuarán a súa tramitación de acordo coa normativa vixente no momento de se iniciaren, agás no caso de que aínda non fora publicada a convocatoria correspondente.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA

Derróganse todas as disposicións de rango igual ou inferior naquilo que se opoña ao establecido nesta Lei.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1983 2012/2013

Gerardo Fernández Albor Alberto Núñez Feijoo

Presidente

Publicado na categoría Lingua, Política | Enriba | 2.187 comentarios »

Vitaminas para o galego

16 de Decembro de 2011

A campaña VITAMINAS PARA O GALEGO é unha iniciativa conxunta dos medios de comunicación en galego, ProLingua e A Mesa para visibilizar a presenza da lingua galega nos medios de comunicación e reivindicar maiores cotas de presenza, de apoio institucional e sobre todo de respaldo social e cidadán.

Nesta primeira fase, a campaña constará de venda de merchandising (calendarios de peto, adhesivos, chapas, paraugas…) coa imaxe da iniciativa, unha campaña de crowdfunding a través da web e mais a organización dunha serie de eventos artísticos e culturais. En breve, poderedes atopar toda a información na web http://vitaminasparaogalego.gl/

Se sentides falta dalgúns medios na relación de organizadores, estades no certo, pero sabede que todos eles, sen excepción, foron convidados a tomar parte e declinaron facelo por diferentes motivos.

*  *  *  *  *

Comeza a campaña para axudar os medios de comunicación en galego

“Vitaminas para o Galego” é unha nova iniciativa dos medios de comunicación en lingua galega que bota a andar mañá cunha presentación no Festival Terr@ctiva en Arzúa. Os organizadores argumentan que se queremos que haxa transmisión xeracional da lingua, éimprescindible contar con medios que a usen, a difundan e a prestixien”.

A campaña consistirá nunha serie de eventos (concertos, relatorios, etc.) por toda Galicia durante os vindeiros meses. O obxectivo é axudar á supervivencia dos medios na lingua do país, ben como o impulso ao nacemento de novas cabeceiras.

Os medios organizadores son:

Tamén colaboran na campaña A Mesa e ProLingua, colectivos en defensa da normalización e a dignificación da lingua propia do país.


Conferencia de imprensa

A conferencia de imprensa de presentación da campaña ocorrerá ás 13:30h deste sábado, día 17 de decembro, no recinto feiral de Arzúa.

Intervirán os xornalistas Marcos Pérez (Praza Pública), Henrique Sanfiz (Radiofusión) e Pedro Telmo (O Val Miñor). Presentará o acto o alcalde de Arzúa, José Luís Garcia (sen confirmar).

Publicado na categoría Comunicación, Lingua | Enriba | 2.283 comentarios »

Contra a censura

15 de Decembro de 2011

O Claustro de Profesores do IES Alfredo Brañas de Carballo, reunidos en sesión ordinaria, aproban por unanimidade a seguinte

DECLARACIÓN

  1. Rexeitamos calquera tipo de censura a respecto dos libros de texto aprobados e homologados polas autoridades educativas para o seu uso académico. Especificamente, posicionámonos en contra da tentativa de censura contra o libro de texto da editorial Vicens Vives, destinado ao 5º curso de Educación Primaria na materia de Ciencias Sociais.

  2. A afirmación de que “o galego é a lingua propia de Galicia”, motivo da apertura dun expediente por parte da Oficina do Valedor do Pobo, non é máis que a reprodución literal dun fragmento do noso Estatuto de Autonomía, polo que non atopamos motivo ningún para crear conflitividade social e escolar por conta diso.

  3. Reclamamos unha rectificación pública por parte da Oficina do Valedor do Pobo, por ter emitido un ditame no cal se solicita a rectificación dos contidos do referido libro de texto; ben como por parte do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por avalar tal resolución.

  4. Apoiamos as accións cívicas programadas por diversas entidades sociais en defensa da liberdade de ensino e do dereito a recibir educación en galego, sen censura nin discriminación.

En Carballo, a 14 de decembro de 2011.

Publicado na categoría Educación, Lingua | Enriba | 3.047 comentarios »

Seguinte páxina »