O Concello de Pontevedra, gobernado pola dereita
27 Setembro 2011Hai algo máis dunha semana, o Concello de Pontevedra anunciou que suprimiría a finais de ano o equipo de Inclusión Social municipal, composto por tres persoas (unha educadora e dúas traballadoras sociais) que dan servizo a unha media de 261 familias por ano. Nun momento de crise económica que acentúa os riscos de exclusión social e alarga as necesidades de dar servizo á poboación que se encontra en situación máis vulnerable, o último que se esperaría dun goberno dito de esquerdas -capitaneado polo BNG e no cal se integra tamén o PSdeG- é semellante insensibilidade para con aqueles que máis necesitan de apoio.
O máis sangrante é que a concelleira responsable da área de Servizos Sociais, Carme Fouces (BNG), recoñeceu na reunión mantida cos sindicatos que non se trata dun problema orzamentario. A mesma idea foi reiterada polo concelleiro responsable de Facenda, Raimundo González (BNG), que manifestou publicamente que mesmo que houbese disponibilidade financeira, o equipo sería suprimido. Hoxe mesmo soubemos que non é esa a única decisión que Raimundo González Carballo terá que explicar, xa que vén de ser imputado por uns presuntos delitos de prevaricación e fraude.
Mais, se é lamentable o papel que realizan os concelleiros do BNG neste asunto, aplicando a mesma política que critican cando a exerce o PP, non é menos criticable a actitude do PSdeG. Este partido, que foi o responsable da creación do Equipo de Inclusión Social hai dez anos, non só renunciou a defender a necesidade do seu mantemento, senón que nunha intolerable mostra de hipocrisía pretende facer responsable única a Xunta de Galicia, a través dunha intervención da deputada autonómica Beatriz Sestayo (PSdeG).
Cal é a responsabilidade da Xunta e cal a do Concello? Ambas institucións teñen a súa parte e deben responder por ela. A Xunta decidiu, unilateralmente e sen consulta previa aos concellos afectados, reducir nun 50% a partida destinada ao II Plan de Inclusión Social nas grandes cidades do país, cuxa vixencia vai até 2013. Por tanto, ten sentido que os concellos urbanos, como o de Pontevedra, reclamen desa decisión e lle pasen a correspondente factura política ao PP. Porén, iso non lexitima o goberno de Lores a eludir a súa responsabilidade, e isto por tres motivos tan sinxelos como contundentes: o primeiro é que, como xa foi exposto, os responsables municipais recoñeceron que se trata dunha decisión política e non dun problema financeiro; o segundo é que estamos a falar dun servizo que proporciona grandes beneficios sociais cun custo moi reducido (138.000 €/ano), o que significa unha media de 529 € de gasto por cada familia atendida polo servizo; e o terceiro e definitivo é que, se hai cartos para privatizar o servizo, como za foi anunciado polo Concello na súa propia web, daquela perde sentido a coartada de que se carece deles para seguilo prestando con carácter público. Engádase a iso que outros concellos urbanos si teñen previsto manter o servizo no ano 2012 e verase que todo non pasa dunha cortina de fume para desviar a atención da opinión pública.
E é que o que a cidadanía necesita saber é que, en Pontevedra, a dereita posúe unha representación do 100% do Concello: 11 concelleiros de dereita clásica ao servizo dos negocios privados (PP), 11 concelleiros comunistas de dereitas ao servizo do seu propio aparato de poder (BNG) e 3 concelleiros de dereita vergonzante sen máis ambición que seguir a vivir da política (PSdeG). A quen lle resulte difícil dixerir tan incómoda verdade, aconséllase que antes de matar o mensaxeiro tome uns segundos para lembrar a actitude do goberno local no caso do conflito no Vao ou na defensa da capitalidade provincial e extraer as pertinentes conclusións. De feito, ese escoramento das forzas supostamente de esquerdas cara ao electorado conservador, especialmente notable no caso do BNG local, explica as abismais diferenzas entre o comportamento electoral nas convocatorias municipais e en todos os demais comicios, dun xeito análogo ao que no seu momento ocorreu na Coruña durante os mandatos de Paco Vázquez (PSdeG).
Os feitos que dan lugar a este artigo posúen, ademais das xa referidas, outras connotacións que lle conferen unha especial gravidade:
- No concello de Pontevedra, a renda do 25% das familias depende exclusiva ou principalmente das prestacións sociais, polo que as políticas de servizos sociais deberían ser prioritarias.
- Ás tres traballadoras que perderán o seu posto de traballo a partir do 31 de decembro negáselles a súa condición de traballadoras estables aos efectos da rescisión contractual, mesmo despois de 10 anos de permanencia nos seus postos. Decisión, lembremos, tomada non polo PP, senón polo BNG.
- O Equipo de Inclusión Social non se limitou ás tarefas burocráticas que tantas veces se lle supón a quen traballa no servizo público, senón que dinamizou a constitución dunha iniciativa pioneira chamada Boa Vida, na cal os propios afectados se auto-organizan e reivindican os seus dereitos. Obviamente, ese proxecto -incómodo para o poder, mesmo para aquel que da boca para fóra se proclama defensor das clases populares- será abandonado á súa propia sorte.
- A antelación de case 4 meses no anuncio ás traballadoras denota as présas por transferir o servizo a mans privadas.
- A actitude do BNG, avalada polo PSdeG, deixa a esquerda aos pés dos cabalos á hora de reclamar ante medidas semellantes tomadas por concellos nas mans do PP.
- O Concello de Compostela, gobernado polo PP, si manterá o servizo de inclusión social en 2012.
A pregunta é: despois do visto, a quen pode votarlle -sen sentir náuseas- a xente de esquerdas o 20-N?


