Porta aberta ao copagamento (léase “repagamento”) sanitario

9 Novembro 2011

No DOG de onte apareceu publicado o decreto polo que anualmente a Consellería de Sanidade establece as tarifas que o SERGAS aplica aos usuarios dos seus servizos non integrados na Seguridade Social. Pola porta de atrás, o novo decreto deixa aporta aberta ao copagamento sanitario en certos supostos que, para colmo de incertezas, non se especifican. Probablemente, estexamos a asistir ao primeiro paso dun proceso gradual de implantación do copagamento, cunha progresiva ampliación dos supostos en que sería aplicable. De aí a importancia de reaccionar axiña.

Comparando co decreto de 2010 no que se regulaba a mesma materia, non resulta difícil encontrar a diferenza, que radica na disposición adicional única incorporada ao novo decreto e que transcribo a seguir (a negrita é miña):

Disposición adicional única.

De acordo co establecido nos números 4, 5, 10 e 11 do artigo 15 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, poderá establecerse un procedemento para repercutir nos usuarios os gastos ocasionados por estes como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Alguén debería pedirlle á conselleira Farjas e ao presidente Feijoo que expliquen o que exactamente vén sendo o “uso irresponsable” e que supostos se encadran baixo esa denominación. E debría facelo en nome da seguridade xurídica e da tranquilidade cidadá nun servizo tan esencial como o da saúde. Tarefa que cabe en primeiro lugar aos medios de comunicación e aos grupos parlamentarios: haberá que estar atentos para ver quen cumpre… e quen non o fai.

Publicado na categoría Política | | Enriba

Comentarios pechados.