Vitaminas para o galego
16 Decembro 2011
A campaña VITAMINAS PARA O GALEGO é unha iniciativa conxunta dos medios de comunicación en galego, ProLingua e A Mesa para visibilizar a presenza da lingua galega nos medios de comunicación e reivindicar maiores cotas de presenza, de apoio institucional e sobre todo de respaldo social e cidadán.
Nesta primeira fase, a campaña constará de venda de merchandising (calendarios de peto, adhesivos, chapas, paraugas…) coa imaxe da iniciativa, unha campaña de crowdfunding a través da web e mais a organización dunha serie de eventos artísticos e culturais. En breve, poderedes atopar toda a información na web http://vitaminasparaogalego.gl/
Se sentides falta dalgúns medios na relación de organizadores, estades no certo, pero sabede que todos eles, sen excepción, foron convidados a tomar parte e declinaron facelo por diferentes motivos.
* * * * *
Comeza a campaña para axudar os medios de comunicación en galego
«Vitaminas para o Galego» é unha nova iniciativa dos medios de comunicación en lingua galega que bota a andar mañá cunha presentación no Festival Terr@ctiva en Arzúa. Os organizadores argumentan que «se queremos que haxa transmisión xeracional da lingua, éimprescindible contar con medios que a usen, a difundan e a prestixien».
A campaña consistirá nunha serie de eventos (concertos, relatorios, etc.) por toda Galicia durante os vindeiros meses. O obxectivo é axudar á supervivencia dos medios na lingua do país, ben como o impulso ao nacemento de novas cabeceiras.
Os medios organizadores son:
- Crónica 3 (A Mariña luguesa)
- Galicia Confidencial
- Novas da Galiza
- Praza Pública
- Que Pasa na Costa (Costa da Morte)
- Radiofusión (rede de emisoras municipais galegas)
- O Sil (Valdeorras)
- Tempos Novos
- O Val Miñor (Val Miñor)
- Xornal Certo (Barbanza)
Tamén colaboran na campaña A Mesa e ProLingua, colectivos en defensa da normalización e a dignificación da lingua propia do país.
Conferencia de imprensa
A conferencia de imprensa de presentación da campaña ocorrerá ás 13:30h deste sábado, día 17 de decembro, no recinto feiral de Arzúa.
Intervirán os xornalistas Marcos Pérez (Praza Pública), Henrique Sanfiz (Radiofusión) e Pedro Telmo (O Val Miñor). Presentará o acto o alcalde de Arzúa, José Luís Garcia (sen confirmar).
