Nova cartografía da lingua

3 Maio 2011

Onte anunciouse o fallo do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2011, no cal resultou gañador Marcos Abalde Covelo polo artigo “Empoderármonos”, mentres que foi concedido un accésit a Diego Giráldez polo seu texto “Gas”. A ambos os meus parabéns, extensivos ao Concello de Carballo pola organización dun premio que xa é unha referencia e que responde a un compromiso -cada vez máis necesario- de reflexión e divulgación sobre a lingua galega.

Foi nesta convocatoria, precisamente, na que pola primeira vez participei nun evento deste tipo, co texto que inclúo no post e que lle dá título. Obviamente, até agora debía permanecer estritamente anónimo e inédito, pero xa non hai motivo para iso, polo que desexo compartilo convosco para que sirva como punto de partida para o debate, se o tedes por ben.

*   *   *   *   *

Nova cartografía da lingua

Fonte orixinal da imaxe

O mapa da lingua vén sofrendo nos últimos anos importantes modificacións, un de cuxos principais valores ten sido o de evidenciar, sen marxe para dúbidas, que o galego ten defensores e inimigos. Eses dous posicionamentos inconciliables non podían derivar senón na quebra de anteriores e precarios consensos, como pon de relevo a política dos nosos actuais gobernantes, decididos a dar unha nova volta de parafuso no proceso de minorización da lingua propia do país.

A partir da aparición pública de grupos que fan bandeira do odio polo galego e da segregación da poboación por razón de lingua, vén sendo o pólo dos inimigos do galego quen leva a iniciativa no atinente ao relato socialmente dominante e á definición da axenda de debate. En contrapartida, produciuse un notable fenómeno de alargamento, mobilización e maduración da base social que apoia o proceso de normalización de usos do galego, mais é necesario dar un paso máis que permita que sexa ese inmenso colectivo cidadán quen marque a liña a seguir pola maioría do corpo social.

A estratexia dos inimigos do galego é obvia, sinxela e potente: (i) crear no imaxinario colectivo a existencia de dúas comunidades lingüísticas diferenciadas, falacia que non se sostén debido á imposibilidade práctica de facer unha vida monolingüe en galego; (ii) estreitar as fronteiras de calquera posible unanimidade, que pasaría por unhas regras de xogo totalmente lesivas para o futuro da nosa lingua; e (iii) acelerar o proceso de substitución lingüística, que pode levar a que ao longo desta década o galego sexa lingua minoritaria na súa propia terra, como xa ocorre na provincia de Pontevedra. Mais non debemos esquecer que o seu éxito ou fracaso depende en boa medida das enerxías que sexamos capaces de canalizar os que desexamos un moi outro desenlace.

Fronte a esa contracción das fronteiras da –escasa e insuficiente– protección ao galego existente até agora, cumpre artellar un novo consenso e deseñar unha nova fronteira normalizadora. Perante a agresión do poder público autonómico e o desleixo de boa parte das administracións locais, son chegados os tempos de a sociedade civil deseñar e executar a folla de ruta que desexa para a lingua. Cumpre unha articulación de esforzos na cal participen aquelas institucións públicas comprometidas co idioma, organismos como a Academia Galega e o Consello da Cultura, empresas con visión de país, organizacións sociais e mais cidadáns a título particular. Ese é o consenso no que debemos traballar: un consenso abranxente, ambicioso e plural entre todos os que aprecian, aman e defenden a lingua galega.

Esa nova fronteira para o galego debe ter uns principios inspiradores claros e compartidos por todos, entre os cales ben poderían estar os seguintes: impulso do galego como lingua por defecto na vida institucional e social; establecemento de garantías de que toda a poboación teña plena competencia en galego; esixencia de igualdade en ámbitos de uso estratéxicos –como a comunicación, a universidade ou a Xustiza– onde a discriminación é aínda patente; protección dos dereitos lingüísticos dos cidadáns, consumidores e usuarios; adopción dunha concepción da lingua galega como instrumento de comunicación internacional; e protagonismo da iniciativa privada en sectores decisivos como o ensino infantil e a produción audiovisual.

Se formos capaces de abolirmos as nosas propias fronteiras mentais e tomarmos este rumbo, haberá ben fundados motivos para o optimismo.

Publicado na categoría Lingua | | Enriba

Comentarios pechados.