As vodas de Dona Ignorancia e Don Fanatismo

8 Setembro 2011

Cando Dona Ignorancia e Don Fanatismo se encontraron pola primeira vez, ela soubo inmediatamente que foran feitos o un para o outro e el sentiu que, tras longa procura, en fin encontrara a súa outra metade. Desde aquel xa distante momento, ambos son inseparables e, por momentos, semellan un só ser. Tal foi o rapto dos sentidos que a paixón provocou na feliz parella, que en todo este tempo se lles pasara por alto un detalle: celebrar publicamente as súas vodas, para xeral coñecemento e partilla da felicidade que os inunda.

Esa omisión foi resolvida recentemente, concretamente o pasado 27 de agosto, aínda que por non ser íntimo dos contraentes, só viñen sabelo hai unhas horas grazas a un amigo que xentilmente mo comunicou. O oficiante das vodas foi Andrés Freire, presunto lingüista e coñecido ideólogo de Galicia Bilingüe, que a xeito de casamento entre Dona Ignorancia e Don Fanatismo perpetrou este artigo, publicado no xornal madrileño ABC, no cal se fai un fiel retrato dos noivos e, por extensión, do propio Andrés Freire.

Na súa diatriba, o sr. Freire consegue realizar unha homenaxe a Dona Ignorancia como hai tempo tal dama non recibía, tanto pola densidade de DPP (dislates por pixel) como pola intensidade e profundidade do descoñecemento con alarde exposto no texto. Vexamos o momento culminante desta oda en prosa á ignorancia:

De este modo, uno pasea por las calles y se sorprende escuchando a estos neofalantes de ciudad hablando una lengua que llamamos, con más generosidad que exactitud, gallego. Un escéptico como yo no puede menos que sonreírse al escucharles, esforzándose en su neo-gallego con fonética del castellano, sintaxis del castellano, expresiones y giros del castellano y unas cuantas palabras diferenciadas. ¿Acaso es posible evitar la ironía cuando observamos a una persona censurándose a sí misma, vigilándose para que de su lengua no surja espontáneo el castellano familiar? (…) Siempre he mirado con cierta ternura a quienes aceptan mutilar sus capacidades expresivas por fidelidad a los mitos nacionalistas.

O señor Freire comeza sorprendéndose por escoitar falar galego nas rúas dunha cidade galega, pretendendo transmitir ao lector a impresión de que tal comportamento non pasa dunha rareza, e conclúe afirmando que a raíz de tamaña anomalía se encontra nunha mistificación histórica promovida polo nacionalismo (galego, implícito textual facilmente interpretable). A identificación entre a adopción do galego como lingua habitual de expresión e a adhesión ao nacionalismo político é unha das falacias preferidas de Dona Ignorancia e daqueles que, como o señor Freire, lle serven de arautos. Pretenden inocular no corpo social a ignorancia de feitos tan evidentes como os seguintes: que nas cidades galegas se fala galego desde hai uns mil douscentos anos; que nalgunhas, aínda é a lingua amplamente maioritaria; que en todas elas, o uso do galego é moi superior ao apoio colleitado social e electoralmente polas forzas políticas nacionalistas; e que, se se predica a existencia de motivos políticos e/ou ideolóxicos para adoptar unha determinada lingua, nunha sociedade na cal hai unha masiva presenza de dúas, non se pode negar -por ocultación- a súa relevancia cando o proceso de cambio de lingua se dá na dirección inversa. Este último punto é especialmente importante, pois se asumimos que a extensión de usos do galego é unha imposición do nacionalismo galego, daquela por forza teremos que concordar en que a extensión de usos do español constitúe unha imposición do nacionalismo español, conclusión que nin o autor nin o grupo que representa están dispostos a facer propia, entre outros motivos porque non desexan asumir que existe un nacionalismo español e que eles fan parte da súa facción máis agresiva, autoritaria e impositiva.

Cinicamente, os mesmos que falan de non politizar a lingua son os primeiros en facelo, levando a discusión ao terreo que lles interesa, pois son conscientes da debilidade do nacionalismo galego. O certo é que nin falar galego nin falar español supón unha vindicación dun determinado ideario político, e diso pode dar fe unha infinidade de falantes tanto de galego como de español.

Mais, se en termos políticos o señor Freire é falazmente cínico, no ámbito propiamente lingüístico sae aínda pior parado. Alude o autor do artigo a que o galego dos chamados neofalantes sofre interferencias do español na fonética, na sintaxe e nas expresións idomáticas, o que o leva a deducir que eses falantes están “mutilando sus capacidades expresivas” ao afastarse do “castellano familiar”. Nunha nova tentativa de incutir a ignorancia no lector, o señor Freire coloca o castellano familiar como paradigma de boa expresión e de corrección gramatical, omitindo que o español (ou castelán) falado en Galiza presenta interferencias notabilísimas tanto na prosodia como na fonética, na morfoloxía, na sintaxe e nos xiros, modismos e expresións idiomáticas. Abondaría con que o señor Freire abrise calquera dos moitos manuais disponibles para comprobar que neles se fala de castellano de Galicia como unha variante do español fortemente influenciada polo galego. E é que, de feito, o español falado en Galiza é unha camada superficial colocada sobre unha base milenar proporcionada polo galego: como toda realidade social, a lingua tamén é dinámica, polo que esta situación poderá mudar no futuro, pero tanto historicamente canto a día de hoxe, isto é o que hai e é aceptado como punto pacífico por tirios e troianos.

En fin, indo ao cerne da cuestión: o castellano familiar falado en Galiza non pode se considerar un modelo de corrección da lingua española, ademais de ser o resultado dun proceso de substitución lingüística que si redundou en mutilacións expresivas debido ao abandono da lingua de instalación dos proxenitores. Por tanto, por máis interferencias que poida presentar un neofalante de galego (e si, hainas), en ningún caso serán nin sequera comparables ás que manifestan os neofalantes de español: ben o sabe calquera persoa que, pasando o Padornelo, axiña foi recoñecida como galega mesmo falando o castellano familiar que o señor Freire tenta levar aos altares da excelencia expresiva e gramatical.

Falando de substitución lingüística (ou de cambio de lingua, se se prefere), resulta inaceptable que se dea a imaxe dos neofalantes de galego como persoas abducidas polos “mitos nacionalistas”, mentres se considera implicitamente que o proceso contrario -i.e. o cambio do galego ao español- é un proceso espontáneo protagonizado por “xente normal”. É urxente desmascarar esta farsa, segundo a cal a adhesión ao galego é froito da imposición, mentres que a adhesión ao español é un exercicio de liberdade. Será que na adopción do español non ten nada a ver a imposición que desa lingua se realiza, de facto, como vehículo abafantemente maioritario dos medios de comunicación, das actividades de lecer, da administración de xustiza, das relacións comerciais ou dos oficios relixiosos, entre tantos outros ámbitos? Será por acaso que os mesmos que defenden na escola o equilibrio entre galego e español se negan a que ese equilibrio se produza no resto das esferas da vida social?

A respecto da escola, só un recordatorio: a escola non impón o uso do galego, pero si impón o seu coñecemento. Do mesmo xeito que impón o coñecemento do español, da matemática ou das ciencias naturais. E é que a obrigación esencial de calquera sistema de ensino consiste en promover o coñecemento, en vez de facer apoloxía da ignorancia: só Don Fanatismo e os seus discípulos poden desexar unha sociedade na cal unha parte dos individuos descoñeza a lingua que fala outra parte dos seus concidadáns. Nun contexto social en que moita xente nova carece de ámbitos sociais para practicar o galego, o ensino é o único refuxio público para que ao menos o coñezan, independentemente de que o usen regularmente, de xeito esporádico ou decidan non falalo en ningunha circunstancia. A liberdade de elección só será posible con dúas condicións: a primeira, que os cidadáns posúan igual competencia en galego e español, responsabilidade na cal o ensino ten un papel preponderante, aínda que non exclusivo; a segunda, que na vida social exista igualdade de oportunidades para usar unha ou outra lingua. Don Fanatismo propugna exactamente o contrario: que a sociedade se rixa de xeito exclusivo pola man invisible do mercado, deixando os usos lingüísticos suxeitos á lei da oferta e da demanda, sen calquera corrección das fallas de mercado; e que a escola demita do seu papel de extensión do coñecemento, pois o máis tímido incremento do galego como lingua vehicular no ensino é tildado de “escolarización nacionalista”, nunha abracadabrante visión cando se pretende retratar un país en que os estudantes nin sequera teñen unha materia de Historia de Galicia ao longo de todo o ensino obrigatorio.

A estratexia de Galicia Bilingüe, unha das máis perniciosas encarnacións contemporáneas de Don Fanatismo entre nós, é clara: unha vez que dan por vencida a batalla contra unha presenza do galego no ensino suficiente para garantir a competencia dos alumnos en pé de igualdade co español, e sendo sabedores de que nos demais ámbitos sociais o galego está en flagrante inferioridade de condicións, dirixen os seus ataques ao plano individual. Os neofalantes de galego son, neste momento, a única vía de crecemento do galego, unha vez desprovisto de todos os mecanismos públicos que lle garantían unha mínima (e a todas luces insuficiente) protección. De aí que sexan os neofalantes o novo albo de Don Fanatismo Freire, de Dona Ignorancia Lago e dos seus secuaces. E de aí, tamén, que se pretenda transmitir unha caracterización dos neofalantes vinculada á suposta imposición do galego: repárese en que o artigo comeza facendo referencia aosacrificio en término de presupuestos, libertades y derechos” e remata afirmando que os neofalantes “suelen ser los mismos que pretenden dictarme, a mí y a toda la sociedad gallega, en qué lengua es normal que hablemos”.

Por desgraza, Dona Ignorancia e Don Fanatismo son eternos; pero, por fortuna, non son invencibles: fronte ás vodas entre eles, respondamos co casamento da Liberdade co Pluralismo, da Tolerancia co Coñecemento, da Autoestima co Progreso.

Publicado na categoría Lingua | | Enriba

Comentarios pechados.