O plurilingüismo en amazon.es

14 Setembro 2011

Onte abriu a tenda española do xigante do comercio electrónico Amazon, líder mundial en venda de libros. Este é un estudo do reflexo do plurilingüismo no catálogo bibliográfico de amazon.es.

Para ampliar as imaxes, abonda facer click en cada unha delas.

EDICIÓN BIBLIOGRÁFICA EN ESPAÑA EN IDIOMAS (CO)OFICIAIS NO ESTADO ESPAÑOL

Volumes editados en 2010: español 60.079 – catalá 7.897 – galego 1.429 – euskera 870 (Fonte: INE http://bit.ly/oSnjjl)

OFERTA DE LIBROS EN IDIOMAS (CO)OFICIAIS NO ESTADO ESPAÑOL EN amazon.es

Volumes totais: español 989.890 – catalá 50.770 – galego 6.743 – euskera 4.494 || Lingua de navegación: só español

A edición en catalán, galego e euskera representou en 2010 (últimos datos disponibles) o 14,4% do conxunto das publicacións realizadas nas linguas que gozan de recoñecemento oficial no Estado español.  Porén, no catálogo inicial de Amazon a porcentaxe que atinxen o catalán, o galego e o basco é de só un 5,8%, moi por debaixo da realidade do mercado: o galego sofre unha infrarrepresentación do 70%; o euskera, do 67%; e o catalán, do 57%.

EDICIÓN BIBLIOGRÁFICA EN ESPAÑA EN TODOS OS IDIOMAS

Volumes editados en 2010: español 60.079 – catalá 7.897 – galego 1.429 – euskera 870 – english 1.457 – français 428 – deutsch 170 – italiano 297 – português 482 – ed. bilingües 2.855 – outras linguas estranxeiras 158 – outras linguas de España 84
(Fonte: INE http://bit.ly/oSnjjl)

OFERTA DE LIBROS EN TODOS OS IDIOMAS EN amazon.es

Volumes totais: español 989.890 – catalá 50.770 – galego 6.743 – euskera 4.494 – english 1.051.897 – français 377.124 deutsch 306.435 – italiano 131.012 – português 682 – outras linguas 576.953

Se comparamos a edición bibliográfica española de 2010 en todas as linguas coa súa respectiva presenza no catálogo de amazon.es, a situación agrávase considerablemente: fronte ao 13,4% de catalán, galego e basco sobre o conxunto da produción bibliográfica, só o 1,8% dos fondos ofrecidos pola franquicia española de Amazon corresponde a esas linguas, o que significa unha infrarrepresentación de case o 87% en caso de aplicar este criterio.

*  *  *  *  *

CONCLUSIÓNS

1. Sexa cal for o criterio de comparación, resulta evidente a distorsión do catálogo de amazon.es a respecto da realidade lingüística e editorial a nivel estatal.

2. Tendo en conta a lideranza da Amazon no comercio bibliográfico mundial, é de esperar que o seu éxito se reproduza no ámbito estatal. Nese caso, sería desexable que en breve se reflicta fielmente no seu catálogo a diversidade lingüística do mercado no cal opera.

3. Dado que moitas editoras dedicadas ao libro en catalán, galego e basco son de pequeno tamaño, é moi posible que para Amazon non fosen prioritarios os acordos con elas nun primeiro momento. Só corrixindo esa situación poderá lograrse o equilibrio indicado no punto anterior.

Publicado na categoría Comunicación, Lingua | | Enriba

Comentarios pechados.