Autorretrato dun mequetrefe, por Anxo Lorenzo

7 Outubro 2011

4 de marzo de 2011. A Consellería de Cultura sae de excursión ao Reino Unido: na comitiva están o conselleiro, Roberto Varela; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; unha sumaria corte de escritores afectos ao réxime, dentre eles o inefable Alfredo Conde; e mais varios asesores e persoal da consellería. Chama a atención a presenza dun intérprete de inglés ao servizo de Anxo Lorenzo: tendo en conta que os interlocutores eran os centros de estudos galegos no Reino Unido e Irlanda, non semella moi necesario cargar ese gasto ao lombo dos contribuíntes, aínda máis contando coa figura do egrexio cosmopolita Roberto Varela. O que alí ocorreu non apareceu na imprensa, salvo unha breve crónica publicada no Galicia Hoxe ao día seguinte.

O motivo oficial da viaxe era o de participar na presentación do libro Breogán’s Lighthouse: An Anthology of Galician Literature, un volume bilingüe (galego/inglés) coordinado por Antonio Raúl de Toro Santos que propón ao público lector en lingua inglesa unha viaxe pola literatura galega desde a Idade Media até o momento presente. Un grande contributo, sen dúbida, á proxección internacional da nosa literatura, pero en cuxo mérito pouca parte teñen os mesmos responsables políticos que boicotean esa liña de actuación un día si e outro tamén. De feito, o propio Varela encargouse de rebaixar a categoría do noso sistema literario, cualificándoo de “rexional”, en declaracións aos medios durante o acto.

Pero, en fin, asumamos a pertinencia da presenza de Varela e Lorenzo nese evento, xa que protocolariamente é indiscutible, por máis que politicamente poida -e deba- ser considerada un acto de hipocrisía, unha nova doa nun rosario interminable de cinismo. De feito, o que ocorreu diante da imprensa nada tivo de anómalo; o bochorno veu despois, como a seguir se narrará.

*  *  *  *  *

O relato que segue está baseado en catro fontes diferentes, serias, rigorosas, fiables e contrastadas. Publícase con autorización expresa para facelo e omitindo os detalles que poderían desvelar a súa identidade, polo temor a represalias contra eles e/ou contra os organismos e proxectos nos cales participan.

Aproveitando a visita de Anxo Lorenzo ás illas, os centros de estudos galegos británicos e irlandeses solicitaron manter un encontro con el, xa que é o responsable político directo desas institucións. Participaron na xuntanza directores e lectores dos centros de Oxford e Birmingham (Inglaterra), Bangor (Gales) e Cork (Irlanda).

A reunión produciuse no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford, o máis antigos dos máis de cuarenta espallados polo mundo e dirixido até hai uns anos polo prestixioso galicianista John Rutherford, que hai poucos días expuña con toda clareza a súa opinión sobre a política lingüística da Xunta nunha entrevista no xornal La Voz de Galicia. Xa de inicio, Anxo Lorenzo mostrouse incómodo, nervioso e inseguro: temendo unha enxurrada de peticións económicas que non se produciu, comezou facendo unha apelación á austeridade, o mantra de Feijoo e os seus secuaces.

Anxo Lorenzo non fixera os deberes e mostrou non estar preparado nin sequera para entender o tipo de reivindicacións que lle foron presentadas. Estas abarcaron desde asuntos de organización e loxística de eventos até aspectos relativos ás condicións laborais ou á visibilidade do labor dos centros de estudos galegos, pasando pola xestión dos orzamentos disponibles e a comunicación entre os centros e a Xunta. Un detalle crucial: ningunha das reivindicacións presentadas cuestionou a liña política da SXPL, o que fai aínda máis difícil comprender a actitude de Anxo Lorenzo, a quen simplemente lle foron presentadas propostas e preocupacións perfectamente lóxicas e cabibles,  que ficaron sen resposta por conta da súa falta de previsión e preparo.

A reacción de Anxo Lorenzo deixou os asistentes de boca aberta: perdeu a compostura e comezou a falar aos berros, ademais de proferir un bo número de expresións soeces e de adoptar un ton prepotente, chegando a afirmar que quen manda nos centros galegos é el e non o persoal que traballa nesas institucións. Por fortuna para Anxo Lorenzo, estaba entre xente cunha educación moi superior á súa: así, os presentes optaron polo silencio e non retrucaron aos improperios que saíron da boca de quen polo cargo que ocupa debería comportarse como o principal embaixador da lingua galega, en vez de facelo como un mequetrefe. Non só desperdiciou a oportunidade de ofrecer unha visión positiva da lingua e da cultura galegas, ben como de proxectar unha imaxe de país atraente e con futuro, senón que -arrastrado polo seu delirio de poder- Lorenzo deixou o nome do país e o do goberno ao cal pertence á altura da lama.

Á saída da xuntanza, que a partir da perda de control de Anxo Lorenzo foi breve e extremamente tensa, os participantes non daban creto ao que viviran. Como persoas pertencentes ao mundo académico, unhas galegas e outras británicas amantes do noso país, o último que esperaban é ter que presenciar e aturar dun alto responsable político -aínda máis, en visita internacional- un comportamento tan impropio. Algúns dos asistentes participaban pola primeira vez nun encontro destas características, polo que o seu espanto foi maior aínda. Os comentarios sobre a inconveniencia da actitude adoptada por Anxo Lorenzo foron unánimes, como tamén o foi o rexeitamento a ter semellante interlocutor no Goberno galego.

A conclusión é tan sinxela como triste: a política lingüística galega está nas mans dun individuo que fracturou anteriores consensos, que colocou na súa contra a inmensa maioría do universo cultural galego, que dilapidou o seu crédito científico e que nin sequera é capaz de aplicar as máis elementares normas da etiqueta. En resumidas contas, un verdadeiro mequetrefe.

*  *  *  *  *

Definición de mequetrefe no Dicionario da Academia Galega (versión electrónica disponible na web da Consellería de Educación):

mequetrefe s.m.
1. Individuo que nos seus actos ou ditos demostra ter pouco siso e formalidade. É un mequetrefe, non lle fagas caso. CF. badulaque.
2. Individuo sen importancia, insignificante. ¿Pero quen pensa que é ese mequetrefe? SIN. merdeiro (pop.).

Publicado na categoría Lingua, Política | | Enriba

Comentarios pechados.