Retallos dun país normal (I)

22 Outubro 2011

Transcribo literalmente o relato de Francisco Fernández Rei:

“Unha moza, andaluza de nacencia ela, que desde hai uns anos vive no casco vello de Compostela, logo de que un fillo dela estivese nunha galescola [a actual “Galiña azul” de San Roque, no alto da rúa das Rodas] inscribiuno no colexio La Salle. O pasado martes, na reunión dos pais coa profesora, esta díxolles que ela era galegofalante, pero que se dirixía ós nenos en castelán porque, bardante un meniño, todos na aulas eran castelanfalantes. Deulles a opción de opinar e no caso de que houbese diferentes posicionamentos levaríao a votación; e se ninguén opinaba seguiría dando as aulas en castelán por ser a lingua da práctica totalidade do alumnado.

A nai andaluza díxo nesa reunión de pais que ela, de lle daren a opción, prefería que a mestra falase en galego, porque o castelán o seu fillo xa o aprendía na casa, na tele… Despois de falar ela tomou a quenda de palabra un ‘señor traxeado e repeinado‘ [en palabras desa nai] que manifestou que el quería as clases en castelán porque co galego non se ía a ningures. Entón esa nai andaluza retrucoulle dicíndolle que unha íntima amiga súa, que falaba galego, daba clases de galego nunha universidade de fóra de Galicia, mentres que ela co seu castelán dobraba chaquetas en Zara.

Logo deste retruque, a profesora dixo que era mellor facer unha votación; e por maioría os pais decidiron que a profesora lles falase galego ós nenos na clase (e só hai un neno galegofalante!). A mestra sinalou que, aínda que ela era galegofalante, non falaba o galego académico (sic) e que tería que preparar máis as clases porque sempre as dera en castelán, pero que non había problema e que durante este curso falaría cos nenos en galego”.

Publicado na categoría Lingua | | Enriba

Comentarios pechados.