A hora da verdade

28 Xaneiro 2012

Nos últimos 15 anos, o BNG desperdiciou tres ocasións de ouro para facer autocrítica e renovarse, algo que debería ser inherente a unha forza política de esquerdas. Foron tres as crises que propiciaron esas oportunidades, finalmente derramadas: a primeira, a crise de crecemento que a sociedade galega lle formula entre os anos 1997 e 1999, cuxa insatisfactoria resolución se saldou coa perda das alcaldías urbanas e do liderado para acceder ao Goberno galego como forza hexemónica; a segunda, no ano 2005, cando a sangría da perda de apoios era xa evidente, resolvida cunha fuxida cara adiante centrada exclusivamente nunha acción de goberno que -dada a traxectoria opositora do BNG e a correlación de forzas no bipartito- non podería axudar a superar a fractura con boa parte da base social do BNG; a terceira e última, a perda dese poder institucional nas eleccións do ano 2009, ocasión na cal tampouco se afrontou máis autocrítica que a baseada en consignas dunha ou doutra facción interna.

O certo é que ningún dos grupos que agora se propoñen como solución aos males do BNG impulsou ese proceso de autocrítica sincera, aínda que ao mesmo tempo é innegable que non todos posúen o mesmo grao de responsabilidade: debido ao seu carácter de forza dominante dentro do BNG, o quiñón máis importante correspóndelle sen dúbida á UPG, que tras a perda do poder na Xunta decidiu asumir ese liderado interno sen ambaxes, rachando unha tradición pactista de case 30 anos. É precisamente o exercicio dese monopolio do poder por parte da UPG (no aparato, nas listas electorais, no discurso, na relación coas organizacións sociais…) que explica a entente in extremis entre +Galiza e o Encontro Irmandiño, moi a pesar das súas evidentes diferenzas na concepción da política institucional, do peso dos movementos sociais e das fórmulas organizativas máis acaídas na actual conxuntura.

Chegamos, así, a esta XIII Asemblea Nacional caracterizada como un teatro de operacións para o choque frontal entre dúas candidaturas aparentemente inconciliables. E nisto radica a grande novidade do proceso que o BNG desenvolverá ao longo do presente fin-de-semana: a marxe para o acordo é mínima, tanto pola dinámica política dos últimos anos como polos intereses dos colectivos en desputa como polo propio procedemento definido para as eleccións por parte da militancia. A única posibilidade de pacto radica na retirada da candidatura ora de Francisco Jorquera, ora de Carlos Aymerich, xa que a votación do Consello Nacional e de Portavoz Nacional serán realizadas de maneira conxunta: dando por sentado que +Galiza e os seus socios do Encontro Irmandiño non cometerán o dislate de retirarse da batalla, despois de anos en que as súas respectivas bases lles levan pedindo unha batalla final, só unha sorpredente manobra da UPG -que nunca antes mostrara as súas cartas coa antelación e determinación con que o fixo desta volta- podería propiciar un escenario final de negociación.

A estas alturas, só é posible ter unha certeza: sexa cal for o resultado das votacións que o domingo á tarde definirán quen son os vencedores e quen os vencidos, o proceso decisivo comezará ao día seguinte. En caso de vitoria da candidatura renovadora, Beiras e Aymerich deberán definir e liderar unha nova estratexia que só un outonal refrendo nas urnas poderá axudar a consolidar internamente, ao tempo que terán que negociar coa UPG o seu novo papel, so risco de sofreren unha oposición destrutiva que inviabilice a proxección exterior dese novo BNG que pretenden encarnar. Se, polo contrario, se impón a candidatura continuista liderada por Guillerme e Jorquera, daquela os perdedores deberán decidir de vez cal é o papel que pretenden xogar na política galega, e é ben posible que tanto colectivos organizados como agrupacións territoriais e un bo número de afiliados a título individual decidan que o mellor lugar para desenvolver o seu proxecto non é un BNG monocolor baixo a batuta da UPG.

Haberá que ver se as circunstancias nas cales se chega a esta Asemblea, en pleno ano electoral e coa ameaza patente de ruptura, condicionan o resultado das decisións que adopte a afiliación do BNG. Nunca un conclave nacionalista atinxiu a relevancia e a carga dramática deste que vén de comezar en Amio, cunha previsión de participación que bate largamente todas as marcas anteriores. Chegou a hora da verdade: cada vez hai máis país que ignora o BNG e tenta outros camiños, e a única posibilidade -non máis que iso- de reverter ese proceso pasa pola adopción de decisións valentes e á altura dos tempos. Xa falta menos para despexarmos moitas das dúbidas que hai anos veñen pairando no ambiente, e iso só pode ser cualificado como unha novidade saudable.

*  *  *  *  *

Se desexas expresar as túas preferencias e facer o teu prognóstico, participa n’ A quiniela do BNG.

Publicado na categoría Política | | Enriba

Comentarios pechados.