[Resultados da enquisa] Feijoo mantería a maioría, mais con dúbidas. O NPC entraría con forza ás custas de PSdeG e BNG

23 Marzo 2012

Esta non é unha enquisa científica, senón unicamente un xeito de pulsar a opinión do público lector do blog. Con todo, se me permitides unha valoración persoal, creo que pode non ir moi desencamiñada.

*  *  *  *  *

Segundo as vosas respostas, o resultado das Eleccións Galegas a día de hoxe daría lugar a unha nova maioría do PP, con 40 escanos, e a un Parlamento con 3 forzas de esquerdas: o NPC, que irrompería con forza ao lograr 6 escanos; o BNG, que mantería 8 da ducia que hoxe ten; e o PSdeG, que ficaría nos 21. Tanto o PSdeG como o BNG perderían un escano en cada provincia, principalmente en beneficio do NPC.

Con todo, unha análise máis minuciosa das vosas respostas indica que en todas as provincias o PP pode perder un dos escanos que agora se lle asignan, o que significa que estaría nunha faixa de entre 36 e 40 cadeiras. Na Coruña, é o NPC quen semella en mellor disposición de arrebatarlle unha acta ao PP, mentres que nas demais provincias ese papel corresponde ao PSdeG. O BNG, pola súa parte, ten os resultados máis claramente definidos das catro forzas políticas con posibilidades de obteren representación, segundo a enquisa.

PP
Mantería os resultados do 2008 e podería gañar un escano pola Coruña (o que aumenta a circunscrición) e outro por Ourense. Tanto nesta última provincia como en Lugo e Pontevedra, a loita entre PP e PSdeG pode resultar decisiva para inclinar a maioría parlamentar dun ou doutro lado.

PSdeG

Perdería un escano por provincia, aínda que en Lugo, Ourense e Pontevedra podería manter os resultados, sempre ás custas do PP.

 BNG

Igual que o PSdeG, podería perder un escano por provincia. Semella difícil tanto que esa situación non se produza, debido ás recentes escisións, como que teña unha dimensión maior.

NPC

Obtén 6 escanos e podería lograr o sétimo pola Coruña, roubándollo ao PP. Ten en Lugo a súa circunscrición máis débil, até o punto de que non é seguro o escano que agora se lle asigna. Como é lóxico, o NPC presenta a maior variabilidade nas previsións e só o seu asentamento nos vindeiros meses poderá axudar a precisar máis as súas reais expectativas.

EU

Ficaría fóra do Parlamento, aínda que entre un 20% e un 30% das respostas danlle posibilidades de acceder a algún escano polas provincias atlánticas.

Podedes consultar os datos en bruto aquí, incluídas as respostas anuladas por non atender ás instrucións; e nesta outra ligazón tedes a táboa de respostas válidas, moi recomendable para entender as tendencias que poden marcar o signo das eleccións.

1ª enquisa Eleccións Galegas 2012: tabulación de datos (só respostas válidas)

Publicado na categoría Política | | Enriba

Comentarios pechados.