Les liaisons dangereuses

17 Maio 2012

ACTUALIZACIÓN 18/05/12 ás 14:36. Esquerda Unida de Vigo, a través do seu portavoz Rubén Pérez, desmente a Galicia Bilingüe e afirma que ninguén acudiu ao acto en representación desa forza política. Eis o tweet:

CORRECCIÓN. A revista “Nosotros” (parodia de “Nós”?) foi presentada en dúas versións: unha só en español -que é a analisada no post- e outra ao 50% entre español e galego.

*  *  *  *  *

Unha semana antes da celebración das Letras Galegas, o grupúsculo Galicia Bilingüe presentou a súa revista “Vosotros” (título bilingüe donde los hayga), que o xornal ultradereitista e ultranacionalista español La Voz Libre presenta como vehículo da “cultura plural”.

Vexamos o alcance do reflexo da proclamada pluralidade neste número fundacional -e por tanto, programático- da revista:

  1. Das 48 páxinas, só unha está en galego. Trátase do editorial de apertura -asinado por Gloria Lago, nunha insólita innovación no mundo da comunicación- que na páxina anterior aparece en español, no único exemplo de bilingüismo de toda a revista.
  2. Todos os artigos, crónicas e entrevistas (unha ducia exacta, no total) e as pezas breves (outra media ducia, que compoñen as dúas seccións finais), sen a menor excepción, utilizan o español como única lingua de expresión.
  3. O inefable Andrés Freire fai un exercicio de erudición (pp. 16-17) cheo de falacias históricas e lingüísticas cuxa enumeración sería demasiado enfastiante.
  4. Gloria Lago, nun xesto tan provocador como pueril, escribe unha columna intitulada “Buenos y generosos” (p. 40-41).
  5. A deturpación toponímica é constante tanto nas colaboracións externas como nas producións da redacción, que usa e reitera a forma Puebla del Caramiñal (pp. 28 e 29).
  6. O concello da Pobra do Caramiñal insere publicidade en español, mentres o de Ribeira se autonomea de Riveira (ambos, na p.33). É de supoñer que a achega publicitaria de ambos concellos sexa a base de sustentación financieira da publicación, xa que só hai outros 3 anuncios, todos eles na contraportada e correspondentes a pequenos comercios (unha adega e unha casa rural) ou entidades (a asociación de produtores de troitas).

Despois de visto o contido da publicación e a noción de bilingüismo que nela se defende (2,1% de presenza do galego), e de ser certas as informacións fornecidas polo xornal La Voz Libre, segundo as cales aos xa costumeiros apoios procedentes do PP e de UPyD se sumaron desta volta representantes do PSdeG e de EU, estas dúas últimas forzas políticas deben dar unha explicación sobre os motivos que as levaron a participar e, se for o caso, un compromiso de non voltar a facelo no futuro. Do contrario, as súas posturas en defensa da lingua galega e do autogoberno do país poderán perder moita credibilidade; e iso non só sería pésimo para o PSdeG e EU, senón tamén dramático para o país, máis necesitado que nunca de ferramentas que o defendan das agresións dunha dereita feroz e voraz cuxo apetito só se sacia engolindo os nosos dereitos e liberdades, tamén no atinente á lingua.

Publicado na categoría Lingua, Política | | Enriba

Comentarios pechados.